4.10.16

O CRIME DE RUGANDO: A REALIDADE SUPERA A FICCIÓN

Envíame Ramón Vila Anca o artigo publicado hoxe no xornal El Progreso por José Cora baixo o título “Achicharran al herrero en el llamado crimen de Rugando” que relata o violento asalto perpetrado o 25 de outubro en 1904 por cinco individuos na ferrería de Rugando.

Non coñecía este terrible suceso cando escribín a novela Rugando, localizada no mesmo escenario e en datas anteriores (mediados do XIX), mais tamén alí relatei un episodio similar (capítulo 9) protagonizado pola banda do Roxo que unha noite de inverno disponse a asaltar a ferrería á procura do ouro agochado nas gabetas. Mais o disparo de Eliseo consegue ferir o capitán dos foraxidos e poñer en fuga os restantes, frustrando deste modo o seu obxectivo.


Se comparamos o episodio real co novelesco, resulta evidente que o Roxo e os seus compañeiros non eran máis ca simples afeccionados fronte á brutalidade dos agresores. 

Unha vez máis, a realidade supera a ficción!


O suceso é igualmente narrado por José Losada no blog “Tinieblas en el corazón”
http://anthropotopia.blogspot.com.es/…/el-patibulo-en-lugo-…


17.10.12

DE ALQUIMIAS E FERREIROS

Recensión de Cristina Fernández Santomé publicada en El Correo Gallego do 17 outubro 2012

28.8.12

Cartel do booktrailer de Rugando

Cartel do booktrailer realizado por Celia Parra que se estreará o próximo 31 de agosto na Casa de Cultura de Quiroga.


Entrevista en La Voz de Lemos

Francisco Albo asina esta entrevista en La Voz de Galicia, na sección La Voz de Lemos.



Celia Díaz: «A miña novela é en certo modo unha homenaxe a Fole»

A autora presentará o venres en Quiroga o seu libro «Rugando»

 
Celia Díaz é autora de varias obras de literatura infantil e xuvenil
Celia Díaz é autora de varias obras de literatura infantil e xuvenil

 
A escritora Celia Díaz Núñez, natural do Páramo e quiroguesa de adopción, presentará o venres na Casa de Cultura de Quiroga -ás 20.30 horas- a súa novela Rugando, galardoada co premio Dora e Pura Vázquez de literatura infantil e xuvenil. A narración está ambientada na antiga ferrería quiroguesa do mesmo nome.

 
-¿A obra diríxese tamén aos lectores adultos?
-É unha novela xuvenil, protagonizada por un grupo de rapaces que investigan un misterio, ao que se lle dá resposta no epílogo. Tendo en conta os temas que trata (o traballo nas ferrerías, a vida na Galicia rural do século XIX, o mundo da alquimia?) tamén pode ser lida por un público adulto que seguramente lembre episodios similares da súa historia persoal. Un lector xove ao mellor fíxase máis na acción novelesca e no misterio a resolver.
 
-Unha parte do relato está ambientado no pasado. ¿En que medida se basea en datos históricos verídicos?
- A novela localízase nun escenario real: unha casa rural que foi noutro tempo unha ferrería pertencente aos monxes da abadía de Samos. Pero os personaxes son ficticios e a historia é absolutamente fantástica. Polo tanto, a novela combina datos históricos coa ficción propia dun texto literario. Os datos históricos que se recollen son froito dunha ampla e necesaria documentación.
-Algúns comentarios relacionan o libro co mundo literario de Ánxel Fole.
-Fole viviu varios anos nas terras de Quiroga e converteu as paisaxes e as xentes quiroguesas en protagonistas de moitos dos seus contos. Así se indica na novela cando un dos personaxes colle na biblioteca da casa rural un exemplar de Á lus do candil e relé un conto de Fole. Ademais, en varias ocasións, os personaxes contan historias a carón da lareira similares ás dos relatos de Fole. En certo modo, Rugando é tamén unha homenaxe literaria a Ánxel Fole.
-O venres vaise presentar tamén un tráiler da obra, algo pouco común nas letras galegas.
-O booktrailer realizouno a miña filla Celia Parra e nel participou toda a familia como figurantes, axudando coa iluminación e os decorados? A súa realización foi, sobre todo, moi laboriosa: supuxo dous días de rodaxe, moitas horas de edición e o máis complicado foi a posprodución. Estou moi contenta co resultado e considero que é un medio moi interesante e novidoso para difundir na rede as obras literarias.
-¿Está ben representado na literatura galega o mundo das antigas ferrerías da montaña lucense?
-Non coñezo outras novelas sobre as ferrerías. Si hai algunha sobre as minas de wolframio, por exemplo.
 

26.8.12

PRESENTACIÓN EN QUIROGA

O próximo 31 de agosto terá lugar a presentación de Rugando na Casa da Cultura de Quiroga.
Estarei acompañada pola Concelleira de Cultura e por Moncho Vila. Celia presentará o seu book trailer sobre a novela.
Grazas a todos polo seu apoio!

RECENSIÓN DE ARMANDO REQUEIXO

Armando Requeixo publica hoxe esta reseña no Galicia Confidencial. Moito lle agradezo as  palabras que dedica á miña persoa e á miña novela. Unha gran honra para min!

http://www.galiciaconfidencial.com/nova/11308.html

Alquimia de Rugando

No Lugo do século XIX e, concretamente, nas terras de Quiroga, está ambientada a nova novela de Celia Díaz Núñez, Rugando, un relato de intriga sobre o mundo da vella siderurxía das ferrerías tradicionais. É a proposta desta semana de Armando Requeixo.

Por Armando Requeixo | Ames | 26/08/2012

Titulo: Rugando
Autor: Celia Díaz Núñez
Editorial: Deputación Provincial
Lugar: Ourense
Ano: 2012
Páxinas: 133
Celia Díaz Núñez, aínda que nacida no Páramo, é quiroguesa de adopción e leva anos traballando a prol da recuperación e divulgación da escrita destas terras surlucenses, tal como demostra a súa monografía Voces da Terra. Quiroga e os seus escritores (1995).
Mais Díaz Núñez ten publicado tamén obra de creación e a ela debemos textos infantoxuvenís como a novela Adeliña (2004) ou a peza teatral Cataventos e cía. ou a verdadeira historia de Amanda, a princesa, e Leonardo, o poeta (2004), ambas as dúas premiadas en diferentes certames.
Volve agora a ser noticia pola aparición de Rugando, novela xuvenil na que nos propón unha historia en dous tempos: o noso presente e os comezos do XIX, nos anos previos á desamortización de Mendizábal. Un relato ambientado nas altas terras do sur de Lugo, concretamente no lugar quirogués que dá nome ao libro.
Neses tempos e nese lugar desenvólvese unha poderosa intriga sobre o mundo da vella siderurxia das ferrerías tradicionais, que ten papel coprotagónico na obra xunto a unha cativadora trama alquímica. Deste xeito, ao tempo que moitas das páxinas resultan unha loa desas paisaxes, usos e xentes destas terras, todo este capítulo etnográfico resulta o mellor dos marcos para o que é o cerne da historia: a procura por parte dun vello monxe proveniente da abadía de Samos da mítica pedra filosofal que lle procure o elixir da eterna xuventude.
É innegable que este motivo narrativo tivo coñecidos e numerosos cultivadores en toda latitude, mesmo entre nós, onde autores como, poño por caso, Paula Carballeira (O ganso pardo) ou Ramón Caride Ogando (O frío azul) teñen realizado magníficas incursións na materia. Mais non cabe dúbida de que Díaz Núñez conseguiu revisitar esta temática de xeito atractivo e ben ameno.
Doutra parte, Rugando é tamén, á súa maneira, unha homenaxe ao mestre Ánxel Fole, a quen a autora ten dedicado como ensaísta valiosas páxinas e quen aparece expresamente citado en varias ocasións ao longo da novela. Neste sentido, moitos dos parlamentos que tras da lareira manteñen os personaxes da obra son unha recreación admirativa do modelo foleano que, como xa dixen, aquí se quere lembrar en recoñecemento.
Excelente escolla, por tanto, a do xurado do Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Pura e Dora Vázquez que decidiu distinguir a Rugando pola súa novena convocatoria e facer, así, que se publicase baixo o patrocinio da Deputación Provincial de Ourense nunha coidada edición ilustrada por Pilar Marcó.
Agardemos que a narración de Celia Díaz Núñez esperte o interese do lectorado e o convide a ir coñecer as fermosas terras onde transcorre esta historia, nas que actualmente pode visitarse aínda a Casa Grande da Ferrería de Rugando —entendo que convenientemente ficcionalizada na novela—, vello edificio da siderurxia de antano que sobreviviu dende o século XVI e é hoxe toda unha regalía para o visitante e, ¿por que non?, posible lector.

30.6.12

Recensión de Xulio Valcárcel

O amigo Xulio Valcárcel envíame esta reseña que publicou nos xornais do grupo Ideal.
Grazas, Xulio.


7.5.12

Rugando na Radio Galega

Entrevista emitida o 27 de abril no programa SOMOS QUEN , realizada por Davide do Arroio e Mª Xosé Rodríguez. Grazas por dedicar o espazo a esta historia de alquimias e ferreiros.
 

24.4.12



Para ti, lector ou lectora, co desexo de que disfrutes desta historia.

23.4.12

Chegou o día!



Hoxe terá lugar a entrega dos premios de narración e ilustración desta novena edición do premio Pura e Dora Vázquez. 

Agradezo ao xurado a elección do meu libro como a obra merecedora deste IX edición do premio Pura e Dora Vázquez de narración e agradezo tamén á Deputación de Ourense que convoca este premio que estimula a creación literaria e artística para o público infantil e xuvenil.

Por fin vou ter nas mans un exemplar do libro e compartireino cos lectores que se animen a penetrar nesta historia de misterio que transcorre nas beiras do Soldón, no mesmo espazo xeográfico no que Ánxel Fole localizou o seu conto "Os lobos", de Á lus do candil.  

Só desexo que os lectores se divirtan léndoa tanto como eu me divertín mentres a escribía. Oxalá!

7.4.12

A BOTICA DO MOSTEIRO DE SAMOS

Un dos personaxes principais da novela é Frei Bernardo, o monxe protagonista da segunda parte, quen pasou os seus anos máis felices  como axudante de Frei Vicente, o boticario do mosteiro de Samos e, como tal, ocupábase de cultivar no horto as herbas medicinais coas que despois elaboraban os fármacos que tanta sona deran á botica.

"O abade destinárao como axudante e aprendiz de Frei Vicente que elaboraba medicamentos cuxos poderes curativos testemuñaban non só os irmáns enfermos, senón tamén os labregos da bisbarra e os peregrinos que se dirixían á tumba do apóstolo Santiago. Todos acudían ao monxe boticario na procura de remedio porque xa se sabe que as medicinas dos frades sandan non só polas súas características naturais senón tamén pola acción milagrosa do lugar snato. Bálsamos para as feridas, aceites para as queimaduras, ungüentos para as frieiras, pomadas para as vinchocas, tinturas para a sarna, gargarismos para a gorxa, xaropes para a bronquite, cataplasmas para as lombrigas, tónicos para rebaixar o sangue... El axudáballe na preparación dos fármacos, na administración de medicamentos aos enfermos, no cultivo e recolección de plantas medicinais e no estudo dos manuscritos e dos manuais de farmacopea. Aprendeu os nomes latinos das herbas (Lipia citridora, Achillea millefolium, Digitalis purpurea, Glechoma hederacea, Hypericum perforatum...) e as propiedades depurativas, cicatrizantes, diuréticas, febrífugas, bacteridas ou laxantes de cada unha. Tamén mantiña limpos e ordenados os tarros, redomas, retortas, morteiros e alambiques. Colocaba nos andeis os albarelos de Talavera decorados coas fermosas orlas e rótulos latinos en azul cobalto." (páx. 77)

Mentres escribía este capítulo tiña in mente a botica do mosteiro de Oseira que visitei hai xa moitos anos e, sobre todo, a de Silos, que tiven a fortuna de coñecer máis recentemente.




E imaxinaba que a famosa botica de Samos non sería moi distinta destas dúas, e similares serían tamén os utensilios que manexara frei Bernardo.

Xa rematada a novela, lin na prensa unha noticia que me fixo sorrir: a botica de Samos dispoñíase a abrir as súas portas ao público, propoñíanse instalar un museo e realizaríanse talleres para aprender a cultivar e a usar as herbas medicinais.


Mesmo atopei unha foto do prior que, na miña opinión, garda un notable parecido con Frei Bernardo (!!!). Por non falar dos fermosos albarelos decorados en azul cobalto, idénticos aos que gardaba con esmero o monxe de Rugando.

Hai mesmo un libro recentemente publicado que se ocupa da historia da botica: http://memoriadesamos.blogspot.com.es/2011/01/libro-sobre-la-botica-del-monasterio-de.html

A realidade, neste caso, coincide coa ficción.

18.3.12

MÁIS RUTAS QUIROGUESAS

Descubro na páxina do IES Monte das Moas unha impresionante galería de imaxes con numerosas rutas de sendeirismo por terras luguesas, entre elas varias que transcorren polo concello quirogués: Casadovello, Vieiros, Montefurado, Campodola...
E, en concreto, esta Ruta de Rugando á Seara:  http://www.edu.xunta.es/centros/iesmontemoas/galeria/displayimage.php?album=401&pos=113
na que se inclúen estes mapas, que corresponden en parte ao traxecto que realiza o monxe frei Bernardo no capítulo 1 da II Parte da novela cando percorre o camiño desde Samos ata Rugando a través da serra, pasando pola Lucenza, o Pía Páxaro, a Seara, A Cruz de Outeiro e descendo seguindo o curso do río Selmo e do Soldón.

13.3.12

CAMIÑO DO FERRADAL

Un dos percorridos que realiza frei Bernardo na segunda parte da novela  é o camiño do Ferradal. Sobre este traxecto hai unha exhaustiva e interesante información nesta páxina de Ramón Vila Anca.

http://ramonvilaanca.blogspot.com/2010/11/ruta-ponte-soldon-ferreria-de-rugando.html

Un blog que nos dá a coñecer moitos itinerarios e puntos de interese do concello de Quiroga acompañados de detalladas indicacións, planos e imaxes de gran calidade que convidan a un demorado paseo disfrutando da paisaxe.

Tamén nestoutro enlace Ruta do Camiño Ferradal ou da Caleira e  Rutasquiroga.blogspot.com da que procede este mapa que aquí reproduzo. Ese é o camiño que segue o monxe cando regresa a Samos para render ao abade as contas dos ingresos acadados na ferreiría.

28.10.11

POR TERRAS QUIROGUESAS


Rugando é unha historia de ficción que se desenvolve nun escenario real. O espazo polo que se moven os personaxes correspóndese coas terras do Soldón, os cumes do Courel e moitas aldeas como A Seara, Vilarmel, Fisteus, Paradapiñol, Paradaseca, Bendilló... e, principalmente, a ferrería de Rugando.


Moitos destes espazos foron xa literaturizados por algúns dos máis importantes escritores galegos (Ánxel Fole, Eduardo Moreiras, Manuel María, Ernesto Guerra da Cal...) aos que homenaxeei no meu libro Voces da terra. Quiroga e os seus escritores (Concello de Quiroga, 1995) no que escribín o que segue:

"Quiroga ten o inmenso privilexio de ser patria literaria de varios e importantes escritores da literatura galega contemporánea. É a terra minuciosamente descrita por Ánxel Fole, pero tamén o lugar de peregrinaxe e descoberta de Eduardo Moreiras. Así mesmo é o obxecto da evocación nostálxica de Ernesto Guerra da Cal e o reencontro coas orixes de Manuel María. A diversidade xeográfica que a caracteriza dá lugar a que poida ser ó mesmo tempo a terra montañosa e agreste de Eduardo Moreiras e a amable ribeira do Sil de Xulio López Valcárcel ou de Ramón Rodríguez Porto."

A esta senda incórporase con humildade a miña novela Rugando coa que, ademais de literaturizar o espazo xeográfico de Quiroga, pretendo homenaxear a todos estes escritores quirogueses que me precederon. 

EL PROGRESO


Seguen as comunicacións na prensa. Neste caso no diario El Progreso
na que a xornalista (María L. Viñas) apunta algúns trazos argumentais da historia.

Grazas tamén a todos os quirogueses que nestes días me están facendo chegar as súas felicitacións. Espero non defraudar as súas expectativas cando por fin poidan ler a novela.

18.10.11

Rugando gaña o IX Premio Pura e Dora Vázquez

Onte comunicáronme que gañara o premio Pura e Dora Vázquez coa novela Rugando.
A prensa de hoxe fíxose eco da noticia e recibín agradecida as felicitacións e parabéns dos amigos.
http://www.ourensedixital.com/_novas/11/10/18_04.htm


http://www.farodevigo.es/portada-ourense/2011/10/18/escritora-celia-diaz-gana-premio-pura-e-dora-vazquez-narracion/589245.html

http://www.tempodelecerourense.com/libro/C-Cultural-Deputacion/Celia%20Diaz%20.dwt

A obra gañadora do IX Pura e Dora Vázquez sitúa como protagonistas a un grupo de xornalistas da TVG

Oito anos despois de Adeliña, volvo obter este premio.  Daquela aínda vivían as dúas escritoras, mais hoxe, xa desaparecidas ambas, quédannos as súas obras literarias e queda tamén este premio, que xa vai pola IX edición, e que, ano tras ano, as torna de novo en protagonistas.

O meu agradecemento para o xurado que me outorgou este premio e tamén para a Deputación de Ourense que o convoca e publica.