28.10.11

POR TERRAS QUIROGUESAS


Rugando é unha historia de ficción que se desenvolve nun escenario real. O espazo polo que se moven os personaxes correspóndese coas terras do Soldón, os cumes do Courel e moitas aldeas como A Seara, Vilarmel, Fisteus, Paradapiñol, Paradaseca, Bendilló... e, principalmente, a ferrería de Rugando.


Moitos destes espazos foron xa literaturizados por algúns dos máis importantes escritores galegos (Ánxel Fole, Eduardo Moreiras, Manuel María, Ernesto Guerra da Cal...) aos que homenaxeei no meu libro Voces da terra. Quiroga e os seus escritores (Concello de Quiroga, 1995) no que escribín o que segue:

"Quiroga ten o inmenso privilexio de ser patria literaria de varios e importantes escritores da literatura galega contemporánea. É a terra minuciosamente descrita por Ánxel Fole, pero tamén o lugar de peregrinaxe e descoberta de Eduardo Moreiras. Así mesmo é o obxecto da evocación nostálxica de Ernesto Guerra da Cal e o reencontro coas orixes de Manuel María. A diversidade xeográfica que a caracteriza dá lugar a que poida ser ó mesmo tempo a terra montañosa e agreste de Eduardo Moreiras e a amable ribeira do Sil de Xulio López Valcárcel ou de Ramón Rodríguez Porto."

A esta senda incórporase con humildade a miña novela Rugando coa que, ademais de literaturizar o espazo xeográfico de Quiroga, pretendo homenaxear a todos estes escritores quirogueses que me precederon. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario