26.8.12

RECENSIÓN DE ARMANDO REQUEIXO

Armando Requeixo publica hoxe esta reseña no Galicia Confidencial. Moito lle agradezo as  palabras que dedica á miña persoa e á miña novela. Unha gran honra para min!

http://www.galiciaconfidencial.com/nova/11308.html

Alquimia de Rugando

No Lugo do século XIX e, concretamente, nas terras de Quiroga, está ambientada a nova novela de Celia Díaz Núñez, Rugando, un relato de intriga sobre o mundo da vella siderurxía das ferrerías tradicionais. É a proposta desta semana de Armando Requeixo.

Por Armando Requeixo | Ames | 26/08/2012

Titulo: Rugando
Autor: Celia Díaz Núñez
Editorial: Deputación Provincial
Lugar: Ourense
Ano: 2012
Páxinas: 133
Celia Díaz Núñez, aínda que nacida no Páramo, é quiroguesa de adopción e leva anos traballando a prol da recuperación e divulgación da escrita destas terras surlucenses, tal como demostra a súa monografía Voces da Terra. Quiroga e os seus escritores (1995).
Mais Díaz Núñez ten publicado tamén obra de creación e a ela debemos textos infantoxuvenís como a novela Adeliña (2004) ou a peza teatral Cataventos e cía. ou a verdadeira historia de Amanda, a princesa, e Leonardo, o poeta (2004), ambas as dúas premiadas en diferentes certames.
Volve agora a ser noticia pola aparición de Rugando, novela xuvenil na que nos propón unha historia en dous tempos: o noso presente e os comezos do XIX, nos anos previos á desamortización de Mendizábal. Un relato ambientado nas altas terras do sur de Lugo, concretamente no lugar quirogués que dá nome ao libro.
Neses tempos e nese lugar desenvólvese unha poderosa intriga sobre o mundo da vella siderurxia das ferrerías tradicionais, que ten papel coprotagónico na obra xunto a unha cativadora trama alquímica. Deste xeito, ao tempo que moitas das páxinas resultan unha loa desas paisaxes, usos e xentes destas terras, todo este capítulo etnográfico resulta o mellor dos marcos para o que é o cerne da historia: a procura por parte dun vello monxe proveniente da abadía de Samos da mítica pedra filosofal que lle procure o elixir da eterna xuventude.
É innegable que este motivo narrativo tivo coñecidos e numerosos cultivadores en toda latitude, mesmo entre nós, onde autores como, poño por caso, Paula Carballeira (O ganso pardo) ou Ramón Caride Ogando (O frío azul) teñen realizado magníficas incursións na materia. Mais non cabe dúbida de que Díaz Núñez conseguiu revisitar esta temática de xeito atractivo e ben ameno.
Doutra parte, Rugando é tamén, á súa maneira, unha homenaxe ao mestre Ánxel Fole, a quen a autora ten dedicado como ensaísta valiosas páxinas e quen aparece expresamente citado en varias ocasións ao longo da novela. Neste sentido, moitos dos parlamentos que tras da lareira manteñen os personaxes da obra son unha recreación admirativa do modelo foleano que, como xa dixen, aquí se quere lembrar en recoñecemento.
Excelente escolla, por tanto, a do xurado do Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Pura e Dora Vázquez que decidiu distinguir a Rugando pola súa novena convocatoria e facer, así, que se publicase baixo o patrocinio da Deputación Provincial de Ourense nunha coidada edición ilustrada por Pilar Marcó.
Agardemos que a narración de Celia Díaz Núñez esperte o interese do lectorado e o convide a ir coñecer as fermosas terras onde transcorre esta historia, nas que actualmente pode visitarse aínda a Casa Grande da Ferrería de Rugando —entendo que convenientemente ficcionalizada na novela—, vello edificio da siderurxia de antano que sobreviviu dende o século XVI e é hoxe toda unha regalía para o visitante e, ¿por que non?, posible lector.

Ningún comentario:

Publicar un comentario