7.4.12

A BOTICA DO MOSTEIRO DE SAMOS

Un dos personaxes principais da novela é Frei Bernardo, o monxe protagonista da segunda parte, quen pasou os seus anos máis felices  como axudante de Frei Vicente, o boticario do mosteiro de Samos e, como tal, ocupábase de cultivar no horto as herbas medicinais coas que despois elaboraban os fármacos que tanta sona deran á botica.

"O abade destinárao como axudante e aprendiz de Frei Vicente que elaboraba medicamentos cuxos poderes curativos testemuñaban non só os irmáns enfermos, senón tamén os labregos da bisbarra e os peregrinos que se dirixían á tumba do apóstolo Santiago. Todos acudían ao monxe boticario na procura de remedio porque xa se sabe que as medicinas dos frades sandan non só polas súas características naturais senón tamén pola acción milagrosa do lugar snato. Bálsamos para as feridas, aceites para as queimaduras, ungüentos para as frieiras, pomadas para as vinchocas, tinturas para a sarna, gargarismos para a gorxa, xaropes para a bronquite, cataplasmas para as lombrigas, tónicos para rebaixar o sangue... El axudáballe na preparación dos fármacos, na administración de medicamentos aos enfermos, no cultivo e recolección de plantas medicinais e no estudo dos manuscritos e dos manuais de farmacopea. Aprendeu os nomes latinos das herbas (Lipia citridora, Achillea millefolium, Digitalis purpurea, Glechoma hederacea, Hypericum perforatum...) e as propiedades depurativas, cicatrizantes, diuréticas, febrífugas, bacteridas ou laxantes de cada unha. Tamén mantiña limpos e ordenados os tarros, redomas, retortas, morteiros e alambiques. Colocaba nos andeis os albarelos de Talavera decorados coas fermosas orlas e rótulos latinos en azul cobalto." (páx. 77)

Mentres escribía este capítulo tiña in mente a botica do mosteiro de Oseira que visitei hai xa moitos anos e, sobre todo, a de Silos, que tiven a fortuna de coñecer máis recentemente.




E imaxinaba que a famosa botica de Samos non sería moi distinta destas dúas, e similares serían tamén os utensilios que manexara frei Bernardo.

Xa rematada a novela, lin na prensa unha noticia que me fixo sorrir: a botica de Samos dispoñíase a abrir as súas portas ao público, propoñíanse instalar un museo e realizaríanse talleres para aprender a cultivar e a usar as herbas medicinais.


Mesmo atopei unha foto do prior que, na miña opinión, garda un notable parecido con Frei Bernardo (!!!). Por non falar dos fermosos albarelos decorados en azul cobalto, idénticos aos que gardaba con esmero o monxe de Rugando.

Hai mesmo un libro recentemente publicado que se ocupa da historia da botica: http://memoriadesamos.blogspot.com.es/2011/01/libro-sobre-la-botica-del-monasterio-de.html

A realidade, neste caso, coincide coa ficción.

Ningún comentario:

Publicar un comentario